Thursday 02 de May de 2024

A Xunta adxudica por preto de 7,6 M€ a construción de 40 vivendas de promoción pública na Coruña


Edificaranse na parcela Z-13 no barrio de Xuxán e estarán destinadas a alugueiro social

A Xunta de Galicia adxudicou a obra de construción de 40 vivendas de promoción pública (VPP) no barrio coruñés de Xuxán por un importe de 7.588.703,69 euros, IVE incluído. As vivendas construiranse na parcela Z-13, pertencente ao antigo parque Ofimático.
A nova promoción, emprazada nunha superficie de 1.280 metros cadrados, contará con dúas plantas subterráneas, onde se situarán os garaxes, e unha planta baixa, na que se localizarán os portais de acceso ás vivendas, cinco locais comerciais e zonas destinadas a instalacións comúns.
Ademais, as 40 vivendas públicas repartiranse entre 5 plantas altas mentres que os rochos e as instalacións comúns localizaranse no baixo cuberta. En concreto, o edificio terá 30 vivendas con 3 dormitorios (2 delas estarán adaptadas para persoas con mobilidade reducida), 5 con 4 estancias e outras 5 con 2; ademais de 88 prazas de garaxe (2 delas accesibles), 40 rochos (2 tamén accesibles) e 5 locais comerciais.
A superficie das vivendas de 2 dormitorios oscilará entre os 66 e os 68 metros cadrados, mentres que as de 3 se moverán entre os 86 e os 93 metros cadrados e as de 4, entre 115 e 118 metros cadrados útiles.
Cómpre lembrar que o ámbito no que se construirá esta nova promoción está sendo urbanizado co financiamento da metade dos custos por parte da Xunta, que é propietaria do 50% do solo, e destinarase á construción de ao redor de 1.100 vivendas protexidas.
De feito, o IGVS rematou en Xuxán o ano pasado a construción de 40 vivendas de promoción pública, actualmente xa adxudicadas en alugueiro, e licitou a redacción do proxecto para promover outras 58, ademais das 40 VPP cuxa construción acaba de adxudicar por case 7,6 millóns de euros.